O Xeodestino Ribeiro - Carballiño presentou os produtos culinarios a 50 xornalistas da capital de España
O Xeodestino do Ribeiro - Carballiño organizou na Casa de Galicia de Madrid unha presentación para xornalistas especializados en Turismo e Gastronomía dos produtos con maior potencial deste territorio.
No acto estiveron presentes o presidente do Xeodestino e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; a concelleira de Turismo de Boborás, Rosa María Pérez; o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal; as congresistas Rosa Mª Quintana e Ana Vázquez e as senadoras Carmen Leyte e Rosa María Sánchez.
Consistiu en escenificar unha romaría pulpeira no corazón de Madrid, que contou con gaiteiros, pulpo á feira, viño do Ribeiro e pan de Cea. Tamén houbo unha proxección dun documental sobre o pulpo do Carballiño, a súa orixe, a súa historia, a súa preparación e toda a súa tradición deste manxar que se converteu nun gran símbolo culinario.
A estrela foi a pulpeira Aurora Baranda, terceira xeración de pulpeiras, e quen asegura que o pulpo non é soamente un prato para feiras, senón que se pode presentar ao máis alto nivel gastronómico porque é un produto perfecto, sinxelo de preparación, pero imposible de mellorar.
O director da Casa de Galicia, Javier Vázquez, celebrou o éxito da convocatoria porque a sala quedou pequena para os 50 xornalistas que acudiron.